As obras foron publicadas entre os anos 1922 e 1924 no xornal Galicia, fundado en Vigo por Losada Diéguez, Ernesto Cádiz e Valentín Paz Andrade. Castelao colaborara en cabeceiras como Galiza Moza, Gaceta de Galicia, Nós, A Nosa Terra, El Noroeste ou as madrileñas Vida Gallega e El Sol (canda Ortega y Gasset e Urgoit), así como en La Voz de Galicia e Suevia, de Bos Aires, e nese tempo acumulou experiencia e chegou a formularse unha dura autocrítica.
Ao final deste período asume que o humor gráfico xa non lle servirá para ridiculizar aos políticos da cort , e decide investir os seus esforzos en recoller a sabedoría do seu pobo e devolverlla peneirada pola retranca, para incitar á rebelión contra o poder, a ignorancia e a inxustiza que o somete. Nace, daquela, Cousas, como continuación de Simbolismos, Leria, Leria do Agro, Cousas de nenos ou Cousas de labregos.
Ao comezo chamounas simplemente Caricaturas de Castelao, pero dunha das súas caricaturas xorde Cousas da vida, do diálogo: un labrego dille a outro que ten un bacoriño nos brazos "Primeiro das-lle a boa vida e dispois máta-lo e cóme-lo", e contéstalle o outro "Ti que qués? Cousas da vida". Nesta serie, deféndese a caricatura cun valor fundamentalmente ético e identifica a verdade coa beleza. Os seus debuxos foron vixiados e moitos deles marcados polo selo da censura do Goberno Militar de Vigo.
Amais, as Cousas da vida están fondamente vencelladas á nosa cultura oral: a vida cotiá, o humor, nado de contraposicións como a do mundo infantil co adulto, a aldea e a vila, ou o enxeño e a ignorancia. Cando pechou Galicia, incorpórase ao Faro de Vigo e traballa aló entre o 1930 e 1932. Nestes dous anos rexístranse 348 Cousas da vida.
www.anosaterra.org/nova/os-debuxos-de-castelao-expostos-na-corua-.html
Os debuxos de Castelão, expostos na Corunha
Publicado por CorunhaMetropolitana en 02:42
Feed (RSS)
0 Comments:
Post a Comment